Alteración do hábitat
A alteración do hábitat constitúe unha das ameazas máis importantes para as especies. Inclúe a súa destrución, fragmentación e degradación.
Fragmentación do hábitat
A fragmentación do hábitat é un proceso polo que unha superficie grande e continua de hábitat natural é reducida en tamaño e dividida en fragmentos, separados por estradas, valados, casas, campos dedicados á agricultura, industrias e outros tipos de actividades humanas. O que antes eran vastas áreas naturais quedou reducido a pequenos fragmentos rodeados dunha matriz de hábitat alterado. Pódese establecer unha analoxía entre estes fragmentos de hábitat natural e as illas, xa que aparecen rodeados dun “mar” inhóspito moi alterado polo home. A fragmentación adoita ocorrer como consecuencia dunha redución importante na superficie do hábitat natural. Outras veces é consecuencia da construción de barreiras como estradas, vías de tren, valados, devasas, etc., que, malia supoñeren unha perda mínima de superficie, impiden ou dificultan o movemento das especies.
Os novos fragmentos que se crean como consecuencia destes impactos difiren do hábitat orixinal en dous aspectos moi importantes: (a) aumenta a relación entre o perímetro e a superficie total e (b) diminúe a distancia entre a beira e o centro dos fragmentos, favorecendo os chamados efectos da beira. As condicións nas beiras difiren con respecto ao interior do fragmento. Así, por exemplo, nun bosque, a luz, a temperatura, a humidade ou a intensidade do vento varían considerablemente entre o interior do mesmo e a beira. O risco de depredación para algúns animais increméntase ás veces nas beiras, pola afluencia de depredadores que son máis abundantes en hábitats alterados. Estes cambios nas condicións asociados ás beiras pódense estender considerablemente cara ao interior dos fragmentos e poden dificultar a vida de moitas especies.
Nun hábitat non fragmentado, tanto animais como vexetais (por medio de sementes e esporas, fundamentalmente) móvense constantemente a través da paisaxe, o que permite o flujo xenético e a recolonización de áreas das que desapareceran. A fragmentación supón unha limitación a estes movementos, poñendo en perigo a supervivencia de moitas especies.
Os novos fragmentos fanse tamén máis vulnerables á entrada de especies exóticas, de pragas e de enfermidades desde os hábitats alterados que os rodean. Tamén aumenta o contacto entre as poboacións silvestres e as domésticas, tanto de plantas como de animais, favorecendo así a transmisión de enfermidades entre elas.
A combustión de gasolina con chumbo, a minaría, as fundicións e outras actividades provocan a emisión á atmosfera de metais pesados, desde onde se incorporan directamente aos organismos, precipitan ou son arrastrados pola auga da chuvia, contaminando os solos e a auga. Por outra banda, grandes cantidades destes metais vértense tamén ás augas provenientes de minas e fábricas, e desde alí redistribúense a outros sistemas. Desde o punto de vista biolóxico divídense en dous grandes grupos: os que non presentan unha función biolóxica coñecida e os que si a teñen, denominados oligoelementos ou micronutrientes. Entre os primeiros están o cadmio, o chumbo e o mercurio, que son moi tóxicos incluso a concentracións moi baixas e pódense acumular nos organismos vivos. Os oligoelementos ou micronutrientes son, non obstante, necesarios para os seres vivos pero en cantidades moi pequenas, ou cantidades traza, e por riba de certas concentracións tórnase tóxicos. Dentro deste grupo están o boro, o arsénico, o cobalto, o manganeso, o cobre e o cinc, entre outros.
Un problema importante dos metais pesados é que se bioacumulan, xa que non son metabolizados polos seres vivos e, así, a súa concentración vai aumentando a medida que subimos niveis na pirámide trófica, sendo entón os grandes depredadores os máis afectados.
Consecuencias para os ecosistemas da perda de especies
É importante destacar aquí que ademais das extincións globais de especies, é dicir, a súa desaparición completa en toda a Terra, as extincións locais, isto é, a perda só dalgunhas das poboacións dunha especie nunha zona determinada, poden ter tamén un impacto significativo no funcionamento dos ecosistemas. Este tipo de extincións podería estar ocorrendo a taxas de tres a oito veces maiores que as das extincións globais (Hughes et al., 1997). Ademais, o funcionamento dos ecosistemas non só depende da presenza ou ausencia das especies, senón tamén da súa abundancia aínda que, evidentemente, a extinción global das especies sexa máis preocupante xa que é irreversible.
A desaparición dunha especie nunha determinada comunidade supón a perda das súas funcións e servizos, e cando se trata de especies clave pode provocar cambios profundos nos ecosistemas. O número e tipos de especies presentes, así como a súa abundancia relativa, inflúen nos procesos que se producen no ecosistema e na súa resistencia e elasticidade fronte aos cambios ambientais (ver o capítulo “Biodiversidade e estabilidade dos ecosistemas”). Por exemplo, unha maior riqueza en microorganismos pode favorecer a descomposición de materia orgánica, e a súa escaseza dá lugar a solos máis pobres (Salonius, 1981). Ademais, especies particulares poden ter efectos muy importantes como mediadores directos dos fluxos de enerxía e materia ou alterando as condicións físicas que regulan as taxas destes procesos. Isto pódese ver en ocasións con moita claridade cando se introduce unha especie nun ecosistema e provoca cambios nos seus procesos naturais. Así, a introdución dunha árbore fixadora de nitróxeno (Myrica faya) en bosques de Hawai caracterizados pola súa pobreza neste nutriente levou a un incremento moi importante na entrada de nitróxeno no ecosistema, provocando cambios drásticos na estrutura e funcionamento dos bosques nativos destas illas (Vitousek et al., 1987).
Por outra banda, moitas das características dos ecosistemas veñen determinadas polas interaccións entre as especies, máis que pola simple presenza ou ausencia das mesmas. Estas interaccións inclúen os mutualismos, a depredación, o parasitismo, a herbivoría e a competencia. Por exemplo, as relacións mutualistas entre especies (nas que ambas partes obteñen beneficios) son fundamentais para moitos procesos esenciais nos ecosistemas, como son a incorporación de nitróxeno, mediado por asociacións entre plantas e microorganismos fixadores de nitróxeno, ou a polinización de moitas plantas, que necesitan vectores animais como insectos ou aves para a produción de sementes. Por exemplo, o 90% de todas as plantas con flor, incluíndo a mayoría das que o home cultiva habitualmente para a súa alimentación, non existiría sen os polinizadores. Só as abellas polinizan nada menos que o 70% dos 100 cultivos máis importantes (Nabhan e Buchmann, 1997). Ademais de ser fundamentais para a nosa alimentación, tamén o son para a de moitas outras especies, para as que as sementes e froitos constitúen unha parte importante das súas dietas. Así, a perda de polinizadores pode ocasionar grandes perdas económicas e fame, como consecuencia do seu impacto nas colleitas, e extincións en cachón de plantas e animais. Por isto, é moi preocupante o importante declive que están a sufrir as poboacións de polinizadores en todo o mundo. Entre os causantes desta situación destacan os praguicidas, os ácaros, as especies invasoras, e a perda, degradación e fragmentación do hábitat.
Igual que a perda de mutualistas, a perda dos depredadores pode ocasionar a explosión das poboacións das súas presas; isto pode á súa vez ter un efecto moi negativo nos recursos que lles serven de alimento.
Ademais, estas interaccións dan lugar con frecuencia a interaccións secundarias entre outras especies, o que pode ter efectos importantes. Por exemplo, os herbívoros poden reducir a cobertura herbácea facendo os lemmings máis vulnerables ás aves depredadoras, o que diminúe a súa densidade e aumenta con iso a dunha planta, Erodium botrys, un alimento moi apreciado polos lemmings (Rice, 1987). Esta planta, a su vez, favorece o lixiviado e incrementa a humidade do solo, que é con frecuencia un factor limitante na circulación de nutrientes nestes prados. Como vemos, as interaccións entre especies e os seus efectos son a miúdo de tal complexidade que é moi difícil se non imposible determinar a priori cal vai ser o efecto da desaparición (ou introdución) dunha especie determinada nun ecosistema.
Consecuencias sociais da perda de especies
A biodiversidade posúe un gran valor cultural, intelectual, estético e espiritual para a sociedade humana (ver o capítulo “A Biodiversidade como concepto ecolóxico”). A perda de especies supón unha perda de recursos, como alimentos, materiais para a industria e a construción, medicinas, etc. Ademais, provoca cambios nos ecosistemas que poden levar á perda dos bens e servizos que nos proporcionan a través das súas funcións, e que poden ser valorados en termos económicos. Así, Costanza et al. (1997) estimaron que os ecosistemas achegan como mínimo 33 billóns de dólares anuais en servizos, case dúas veces o PIB mundial, que daquela era de 14’3 billóns de dólares, de maneira que a súa desaparición supoñería enormes perdas económicas. A maioría destes servizos están fóra do sistema de mercado, como por exemplo a regulación de gases, o tratamento de residuos ou a reciclaxe de nutrientes, o que os fai difíciles de valorar. Un modo de pensar no valor dos servizos dos ecosistemas é intentar determinar canto nos custaría substituílos de forma artificial utilizando a nosa tecnoloxía. Nalgúns casos son completamente insubstituíbles, polo menos por agora e, en calquera caso, os custos serían moi altos. En realidade, independentemente do valor concreto que poidamos darlle utilizando un método ou outro, o valor da natureza para a humanidade é infinito, xa que sen ela non sería posible a nosa vida e moito menos o noso benestar.
Fragmento extraido da enciclopédia Proxecto Galicia, de Hecules de Ediciones S.A.
Sem comentários:
Enviar um comentário