8/07/2007

Alteracións provocadas pola minaría

A morfoloxía dos xacementos e os valores naturais da contorna son os principais factores que determinan a problemática ambiental asociada a cada explotación. De maneira xeral, a minaría a ceo aberto implica unha maior alteración que a subterránea, xa que se asocia a ela o movemento de grandes volumes de materiais e a creación de ocos e vertedoiros, provocando impactos frecuentemente graves, incluso irreversibles ou permanentes. As alteracións de maior magnitude prodúcense sobre a auga, o solo, os equilibrios xeodinámicos, a vexetación, a fauna e sobre a paisaxe. Durante as diversas tarefas de operación mineira (perforación, voaduras, arranque de material, transporte, tratamento e amoreamento) pódese producir, ademais, un deterioro da calidade do aire, polo aumento de po en suspensión, e do ambiente sonoro, aínda que estes impactos considéranse temporais e existen medios técnicos para reducilos a límites tolerables.

No conxunto dos impactos sobre a auga inclúese a modificación da drenaxe natural (ao ser necesaria a evacuación da auga, tanto subterránea coma superficial, para posibilitar as actividades mineiras) e a alteración da calidade química, derivada da interacción da auga de chuvia e escorras cos materiais expostos polas actividades mineiras. Con frecuencia prodúcese un aumento dos sólidos en suspensión, a turbidez, a dureza e condutividade eléctrica da auga, así como a alteración do pH e do potencial redox, coa conseguinte influencia sobre a solubilidade de moitos elementos tóxicos. Aínda que non hai unha estimación exacta do grao de afectación dos ríos galegos por este problema, a contaminación por drenaxes de mina é unha das formas máis severas de contaminación acuática a nivel mundial, provocando, incluso, a desaparición da flora e a fauna acuáticas.

Sen dúbida, a alteración química máis grave prodúcese pola presenza de sulfuros metálicos, como a pirita, nos estériles dalgúns tipos de minaría, como a de carbón ou a metálica. A súa exposición a condicións oxidantes durante o proceso mineiro provoca a xeración das denominadas drenaxes ácidas de mina, dependendo a súa severidade da pluviometría da zona e da superficie de intercepción das augas, así como da propia reactividade dos sulfuros e da presenza de minerais asociados produtores de alcalinidade. A oxidación dos sulfuros é lenta en condicións abióticas, pero acelérase drasticamente en presenza de certas bacterias, como Thiobacillus ferrooxidans, a máis típica destes medios. As características máis xerais destas drenaxes son: unha elevada acidez, con valores de pH ás veces inferiores a 2, e altas concentracións de ferro e sulfatos. A elevada acidez das augas afectadas por este proceso favorece a disolución e lixiviación de aluminio e metais pesados como cinc, cobre, níquel, chumbo, cadmio, etc., agravando o risco de contaminación das cuncas receptoras. As condicións extremas xeradas, hiperácidas e hiperoxidantes, permiten a formación de minerais característicos destes medios, como jarosita, schwermanita e goethita, que outorgan unha típica cor alaranxada aos vertedoiros e leitos. En condicións de alta evaporación pódense formar, ademais, unha gran variedade de eflorescencias salinas (formacións de sales cristalizados) ricas en sulfatos metálicos solubles. A formación das drenaxes ácidas tamén se pode dar de forma natural, podendo chegar a alcanzar grandes proporcións, como no caso de río Tinto (Huelva).

Os impactos sobre o solo derivan da ocupación, da escavación nas áreas de explotación e do enterramento nas zonas de vertedoiro, o que provoca a súa eliminación física. A lixiviación de vertedoiros ou achegas aéreas procedentes da explotación poden provocar, ademais, unha contaminación indirecta do solo dos arredores. Ao mesmo tempo fórmanse novas superficies (cortas, vertedoiros, etc.) nas que comezan a producirse os procesos edafoxenéticos. Os novos solos xerados presentan, xeralmente, características moi limitantes para o establecemento e desenvolvemento vexetal como son: texturas desequilibradas, escaso contido de materia orgánica, ausencia ou escaso desenvolvemento da estrutura edáfica, baixa capacidade de retención de auga e de cambio de catións, exceso de acidez e de elementos tóxicos, deficiencia de elementos nutritivos e ruptura dos ciclos bioxeoquímicos, entre outros.

Igualmente, os impactos sobre a vexetación e a fauna prodúcense pola destrución física da vexetación, e a dificultade da súa reinstalación, a eliminación ou emigración da fauna asociada, a destrución das cadeas tróficas e a introdución de substancias tóxicas na biosfera. Ao mesmo tempo, o ambiente da explotación convértese nun medio enormemente perturbado, no que a contaminación e erosión de solos, contaminación de augas, emisión de po e ruído e, sobre todo, a ruptura dos ciclos bioxeoquímicos naturais, afectan drasticamente ás comunidades vexetais e animais, tanto acuáticas coma terrestres.

Os impactos sobre a xeoloxía e xeomorfoloxía veñen provocados pola desaparición de parte das formacións xeolóxicas e pola creación de ocos e de novos volumes que xeran inestabilidade, agravada polas manipulacións de ciclo da auga. Fenómenos de subsidencias do terreo, inestabilidade de noiros nas cortas e inestabilidade dos vertedoiros, son algunhas das alteracións do equilibrio xeodinámico.

Todo este conxunto de alteracións xeomorfolóxicas, hidroxeolóxicas e da vexetación e dos usos do solo acaba finalmente provocando unha profunda modificación da paisaxe, case sempre de forma irreversible, o que supón a perda do que nas condicións actuais de vida constitúe un recurso natural importante.



Fragmento extraido da enciclopédia Proxecto Galicia, de Hercules de Ediciones S.A.

Sem comentários: