Á Consellería de Innovación e Industria
Delegación Provincial de Lugo
A “Asociación de Veciños Monte Caldeirón”, con número de inscrición 1310 no Rexistro Provincial de asociacións sen ánimo de lucro, con CIF G-27196625 e con domicilio principal e permanente no lugar de Vilar, s/n, código postal 27632, Triacastela (Lugo).
EXPÓN:
En relación ao expediente nº 6043 correspondente á solicitude de reclasificación de explotación de recursos da sección A, denominada Monte Penedo número 3, como explotación de recursos da sección C, coa denominación de Don Isidro, abranguendo unha superficie de 12 cuadrículas mineiras, situadas no termo municipal de Triacastela, por parte da sociedade Cementos Cosmos, S.A., con enderezo en r/ Brasil, 56–36204 Vigo (Pontevedra)
AS SEGUINTES ALEGACIÓNS:
1. En referéncia á Rede Natura 2000
A designación de 12 cuadrículas mineiras que comprende a solicitude afecta a parcelas incluidas na Rede Natura 2000, a rede de espazos naturais protexidos no ámbito da Unión Europea creada en virtude da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres —coñecida como Directiva Hábitats—, co gallo de salvagardar os espazos naturais máis representativos da diversidade de hábitats e especies de Europa.
O obxectivo global da Directiva Hábitats, descrito no artigo 2.1, é “contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros”. Para o cumprimento deste obxectivo global, a Directiva está estruturada en dous grandes obxectivos máis concretos:
- A creación da rede Natura 2000 para a conservación dos hábitats naturais e dos hábitats das especies (artigos 3 ao 11).
- O sistema de protección global das especies (artigos 12 ao 16 e 22).
A Directiva Hábitats crea a rede ecolóxica europea coherente de zonas especiais de conservación denominada Natura 2000. Esta rede de lugares terá que garantir o mantemento —ou o restablecemento— nun estado de conservación favorable dos tipos de hábitats naturais e dos hábitats das especies na súa área de distribución natural dentro do territorio da Unión Europea.
As cuadrículas mineiras designadas na solicitude de reclasificación por parte de Cementos Cosmos S.A. afectan concretamente ao Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) denominado LIC – Ancares-Courel con referencia ES1120001 que comprende unha extensión de 102.562,06 hectáreas, no que se atopan 6 tipos de hábitats clasificados como prioritários, sendo este o segundo de Galiza en canto a número destes, e o primeiro en canto a extensión.
Lembrar tamén que a Xunta de Galiza, mediante o Decreto 72/2004 declarou a todos os espazos naturais propostos como lugares de importancia comunitaria baixo a figura de Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), incluindoos desta forma na Rede Galega de Espazos Protexidos segundo o estabelecido na Lei 9/2001 da conservación da natureza de Galiza. Esta declaración implica que no prazo máximo de 2 anos estes espazos deberán contar cun Plano de Conservación.
Evidentemente a actividade mineira nestes espazos é totalmente incompatíbel.
O límite dos espazos protexidos no LIC Ancares-Courel, que corresponden a case un terzo do concello de Triacastela, ven estabelecido neste municipio polo trazado da antiga estrada Triacastela-Pedrafita do Cebreiro, sendo este un límite máis burocrático que biolóxico, e hai que ter en conta que certos hábitats de epecial releváncia ficaron incorrectamente delimitados, polo que existen espazos susceptíbeis de ser protexidos inmediatos á delimitación oficial, que se ven así mesmo incluidos dentro das cuadrículas mineiras ás que nos referimos.
Estes hábitats que ficaron fora do LIC son susceptíbeis de catalogarse dentro dos hábitats clasificados como prioritários pola Unión Europea, concretamente como Bosques de Ilex aquifolium (9380), Bosques de Castanea Sativa (9260), Carballeiras Galaico-Portuguesas (9230) Pendientes rochosas con vexetación casmofítica (8210), ou Hábitats rochosos e covas (8310).
A empresa Cementos Cosmos S.A. coa reclasificación á explotación de recursos de da sección C adquire gran cantidade de dereitos que outorga a concesión mineira por parte do estado sobre as cuadrículas solicitadas sen presentar ningún tipo de estudo de impacto ambiental sobre estas, feito ao cal nos opoñemos.
2. En referéncia ás espécies protexidas
Na comunidade autónoma galega, a protección da flora e da fauna está regulada pola Lei 9/2001, de conservación da natureza (DOG núm 171, do 4 de setembro de 2001).
Para iso a lei crea o Catálogo Galego de Especies Ameazadas. As especies que estean inscritas neste rexistro vense beneficiadas por un conxunto de prohibicións aumentado con respecto ao réxime xeral, que se fai extensivo ás especies de flora. Adicionalmente, a Administración queda obrigada a redactar e poñer en práctica un plan para cada unha das especies catalogadas que conteña medidas específicas que permitan mellorar o seu estado de conservación. O catálogo ten un carácter aberto, de maneira que se poidan ir incorporando novas especies e outras ser descatalogadas a medida que o seu status empeora ou mellora respectivamente.
Temos constáncia de que numerosas especies animais e vexetais legalmente protexidas están presentes no seu hábitat natural dentro das 12 cuadrículas referidas. Aquí citamos algunhas delas:
FLORA
Acibro (Ilex aquifolium). Pertence á familia das Aquifoliáceas. É un arbusto que pode superar os 10 m de alto, con follas brillantes de bordo ondulado e espiñento. Trata-se da única especie vexetal para a que existe unha normativa galega que a protexe especificamente: a Orde sobre protección do acibro na comunidade autónoma de Galiza (DOG núm. 240, do 15 de decembro de 1984). Debido a iso, está prohibida a súa corta e comercialización, agás que se poida acreditar a procedencia de viveiro.
Orquídea das xunqueiras ( Spiranthes aestivalis ). Orquídea de carácter moi escaso, presente en xunqueiras e pastos húmidos de montaña. Protexida en aplicación de normativas europeas.
FAUNA
Vacaloura (Lucanus cervus). Coleóptero de gran tamaño, que pode alcanzar os 8 cm; é o maior de Europa. Posúe cabeza e tórax de cor negra, e élitros de cor castaña. As mandíbulas no macho presentan un gran tamaño. As larvas desenvólvense durante varios anos en madeira en descomposición. Os adultos, que viven uns dous meses, aliméntanse de savia e voan no verán. Atópase xeralmente en bosques de frondosas autóctonas. A súa principal ameaza constitúea a perda das masas arborizadas de caducifolias autóctonas, e a xestión forestal destas que elimina o sotobosque e a madeira morta. Está catalogada como espécie de interese especial.
Salamántiga galega (Chioglossa lusitanica). Endemismo do noroeste ibérico. Posúe corpo alongado, cun rabo moi longo. De cor marrón escura, con dúas bandas dorsais cobreadas, está presente en regatos de augas limpas en zonas de topografía accidentada. Con povoacións en declive, desaparecidas nalgunhas zonas, está ameazada pola contaminación dos cursos de auga, e en menor medida pola diminución do bosque autóctono. Protexida por normativa europea.
Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi). Especie endémica do noroeste da península Ibérica. É un lagarto de tamaño medio, con dorso verde ou amarelado con finas manchas negras nos machos, e pardo ou verdoso con manchas mouras en dúas bandas nas femias, atópase en gran variedade de medios, pero xeralmente sempre en presenza de mato, e con frecuencia preto de cursos de auga. A súa abundancia non se coñece con detalle, pero parece ser relativamente frecuente. As povoacións galegas están entre as máis importantes da especie. A marcada redución que sufriron as sebes e lindeiros, aos que a especie se asocia habitualmente, constitúe un factor de ameaza. Protexida por normativa europea.
Lagartixa da serra (Lacerta monticola). Endemismo ibérico. Esta lagartixa de aspecto robusto, con dorso verde ou pardo de tonalidade variable, xeralmente con manchas negras, está presente en zonas rochosas en medios de montaña, e en maior variedade de hábitats a baixa altitude. Protexida por normativa europea.
Lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica). Reptil que ten o seu hábitat natural nas zonas rochosas, especialmente en zonas de calizas. Clasificada de interese especial.
Lagartixa da serra (Lacerta monticola). Endemismo ibérico. Esta lagartixa de aspecto robusto, con dorso verde ou pardo de tonalidade variable, xeralmente con manchas negras, está presente en zonas rochosas en medios de montaña, e en maior variedade de hábitats a baixa altitude. O reducido tamaño das súas povoacións colócaas nunha situación delicada, susceptible á alteración das zonas en que habita. Protexida por normativa europea.
Aguia real (Aquila chrysaetos). Aguia de tamaño grande, de aspecto robusto. É de cor castaña escura, coa cabeza de cor máis dourada. Está presente en zonas montañosas do interior de forma illada, cunha distribución algo máis continua no terzo sudoriental de Galiza. Experimentou un importante descenso entre 1960 e 1990, pero a tendencia actual parece ser de recuperación, polo menos no ámbito de toda España. As principais ameazas son os cebos envelenados, choques contra tendidos eléctricos, molestias nos niños e a diminución da abundancia de coello, unha das súas principais presas. Protexida por normativa europea.
Rato de almiscre (Galemys pirenaicus). Pequeno insectívoro acuático, de aspecto similar a unha toupa cun longo fociño, que habita en cursos de auga en zonas de montaña, alimentándose de invertebrados. Considerade especie de interese especial. Protexida por normativa europea.
Hai que facer especial fincapé nos Morcegos (orde Quirópteros). A totalidade dos morcegos presentes en Galiza (18 especies) están catalogados como especies de interese especial. A súa distribución exacta e a situación das súas povoacións non son ben coñecidas, pero existe constancia dun empeoramento en ambas para a maioría das especies. Esta situación é xeral en toda Europa, facendo que este grupo atraia unha considerable atención desde o punto de vista da conservación. Todas as especies son en xeral moi sensíbeis á alteración dos seus hábitats e sobre todo á destrución dos seus refuxios diurnos ou de invernada, principalmente covas, que nunha zona de caliza abundan especialmente, estando xa catalogadas no avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Triacastela polo seu interese as seguintes no entorno de Vilar, todas elas dentro das 12 cuadrículas mineiras:
Cova da Cabuxa
Cova da Fonte (Na ficha do planeamento figura como Cova das Arrosais)
Cova da Gralleira
No entorno de Cancelo existen varias máis, tamén catalogadas, denominadas Covas de Eirós.
As actividades mineiras repercuten seriamente na conservación das especies anteriormente citadas, por destrucción dos seus hábitats que moitas veces son moi difíciles ou implosíbeis de recuperar. No caso da fauna, as molestias e ruidos espantan a ditas especies ou dificultan a cria, alterando tamén as cadeas alimentárias. Ao tratarse de especies protexidas ameazadas é competencia da administración a súa conservación, polo que debería tomar as medidas necesarias cando existe un perigo inminente de empeoramento da súa situación ante as posibilidades de ampliación da actividade mineira xa presente.
3. En referéncia ao Camiño de Santiago
Queremos deixar constancia da existencia dunha variante do Camiño Francés que discorre desde o núcleo de Biduedo ao de Triacastela pasando polos núcleos de Vilar e Vilavella. Ainda que somos conscientes da non existencia de recoñecemento legal por parte da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, existe documentación histórica que podería facer esta variante oficial.
Concretamente diversas referencias á obrigación dos peregrinos durante o proceso de construcción da catedral de Santiago de levar pedra caliza desde o lugar coñecido coma O Cotelo, entre Vilar e Biduedo, a Castañeda, na provincia da Coruña, para a fabricación de cal. Este feito está presente tamén na memoria colectiva dos habitantes da zona.
Por outra banda, esta variante discorrería sobre unha antiga via romana, da que ainda quedan algúns restos entre Vilar e Vilavella, e que posibelmente se trate da via romana principal entre Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo), sobre a que se apoiou inicialmente o Camiño Francés. A variante Biduedo-Fillobal-As Pasantes-Triacastela, coñecida localmente como Camiño Real, posibelmente fose introducida por Alfonso IX para potenciar a nova vila fundada por dito rei co nome de Triacastela Nova, o actual núcleo de Triacastela, en detrimento da vila existente, a actual Vilavella.
Existe así mesmo unha tradición de paso de peregrinos por este camiño até a recente oficialización do Camiño Francés por parte das diversas institucións.
Estas mencións veñen ao caso de que os veciños de Vilar e Vilavella imos solicitar o recoñecemento oficial desta variante proximamente. Esta variante discorre polas cuadrículas mineiras designadas na solicitude de reclasificación, o que introduce novas incompatibilidades entre o uso mineiro e a lexislación do Camiño de Santiago.
Respecto do Camiño de Santiago oficialmente recoñecido, alegamos novamente a falta dun estudo de impacto ambiental para actividades dun alto impacto paisaxístico nas proximidades deste, precisamente cando discurre por lugares que ofrecen amplias vistas panorámicas e de gran interese paisaxístico.
4. En referéncia ao impacto social
Esta asociación, como reprentante dos veciños de Vilar, quere deixar tamén constancia da total oposición por parte dos veciños a calquera tipo de recalificación, permiso, concesión, autorización ou ampliación dos privilexios que Cementos Cosmos S.A. dispón neste momento. Esta empresa vennos producindo grandes molestias e perxuizos, que evidentemente temos vontade de que se limiten, e non de que se aumenten.
A actual canteira clasificada como explotación de recursos da sección A non se atopa nunha zona deshabitada, senón incrustada entre núcleos de povoación preexistentes e dentro das peculiaridades que o medio rural galego presenta (minifundismo, montes de man común, a parroquia, rede de camiños e servidumes,...), con núcleos de povoación a menos de 2.000 metros da mesma.
Ao delimitarse estas doce cuadrículas mineiras, varios nucleos de povoación quedan seriamente afectados, e este feito provoca graves consecuencias socioeconómicas, non só polas consecuencias directas dunha expropiación forzosa tras unha hipotética concesión de explotación para recursos da categoria C, senón pola posibilidade futura das mesmas, o que provoca unha grande inestabilidade, ainda que nunca teñan lugar.
Este feito produce alarma social, desilusión, desvalorización do solo, desinverisón económica, emigración e pesimismo colectivo, nunha sociedade fortemente arraigada e vinculada á terra.
Queremos tamén lembrarlle á administración que a sua obriga é defender os intereses xerais fronte os particulares, e nesta solicitude os intereses xerais non os intereses económicos ou fiscáis de Cementos Cosmos S.A. nen os intereses particulares dos veciños dos núcleos directamente afectados (Vilar, Vilavella, Cancelo e Teixo) senón os da sociedade en xeral, polos motivos medioambientais e patrimoniais anteriormente expostos.
Polo exposto, e de conformidade co artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de 1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
SOLICITAMOS:
Que sexa admitido este escrito de alegacións co exposto nas mesmas e sexa tido en conta ao dictar a correspondente resolución.
Vilar, a 19 de outubro de 2005
Sem comentários:
Enviar um comentário