6/22/2009

É un parque eólico a única alternativa económica?



O parque eólico
do Iribio, non só é un atentado ambiental, tamén vai contra o futuro socioeconómico do Concello de Triacastela. Os gaños para os habitantes non son nada comparado coas perdas PARA SEMPRE que vai ocasionar. As potencialidades económicas de Triacastela son outras, e con beneficios a longo -medio prazo bastante maiores:

Reclamo turístico

A rede natura 2000 é un bon reclamo para o turismo rural. Actualmente xa son muitas as casas de turismo rural e axencias de viaxes que utilizan como reclamo a localización dentro dun LIC. O turismo sostíbel axuda ao arraigo da povoación, á promoción socioeconómica de zonas desfavorecidas e á creación de emprego. Zonas como Somiedo (Asturias) reflotaron así a sua economía local e cambiaron a tendencia demográfica negativa que tiñan as aldeas da zona.

Este tipo de actividade turística é totalmente compatíbel con outras actividades económicas, permitindo un aumento da renda e diversificación económica. Se a actividade económica é única, que acontece se vai mal? A diversificación permite unha maior seguridade nos negócios.

Ademais, este tipo de actividade, demanda outras actividades secundárias: sector da supermercados, panaderías, carnicerías, transporte,... A existencia deste tipo de servizos benefician a todos os habitantes da zona.

Axudas aos agricultores e gandeiros

A Rede Natura supón unha grande oportunidade para a recepción de certas axudas de desenvolvimento rural, como as agroambientais ou as destinadas a inversións non productivas, que complementan a renda dos agricultores e gandeiros mais desfavorecidos.

A UE considera a agricultura tradicional desas áreas como parte dos hábitats e ecosistemas a protexer, polo que tamén pasa a ser obxeto de protección.

Os pequenos productores, non competitivos frente a explotacións intensivas de grande tamaño, poden ver compensados a súa falta de competividade mediante subvencións.

Ao mesmo tempo, a PAC está sendo reformada e van ser rebaixadas ou até eliminadas as axudas a agricultura que a UE veu dando desde o ano 85. Estar na Rede Natura 2000 é un seguro frente á desaparición das subvencións europeas.

Ser prioritária á hora de obter finaciación LIFE

O programa LIFE+ da Unión Europea destinará 2.143.409.000 euros para o período comprendido entre el 1 de xaneiro de 2007 e o 31 de decembro de 2013 para proxectos de desenvolvimento sostíbel. Os proxectos en áreas da Rede Natura 2000 pasan automaticamente a ser preferenciais na obención destes fondos.

Revalorización da propiedade

A calidade de vida de vivir en espazos naturais privilexiados muitas veces non é apreciada polos seus habitantes, que "obvian" o que sempre tiveron e incluso os desprecian por unha falsa asociación rural = pobreza, urbano = riqueza. Non obstante, non toda a xente pensa así, e a valoración por persoas urbanas que desexan fuxir da cidade é a inversa. O valor de vivir no rural, permanente ou temporalmente, é un valor en alza.

Vivendas hoxe abandonadas, son un reclamo para outras persoas que desexan rehabilitá-las para uso residencial ou para explotar as posibilidades económicas de ter un negócio nestes espazos naturais.

3 comentários:

un.de disse...

Ou estades muy mal informados, ou estades tratando de desinformar a xente que lea este artigo. Explicome:
En primeiro lugar, despois de mais de 5 anos que leva Triacastela en Red Natura, falta o primeiro peso por cobrar destas axudas que citades.
O programa Life da UE xa leva en marcha dende o ano 99. Aqui non se soupo nada del ainda.
Estou de acordo, que vivir nestes espacios e un privilexio, pero...
non sei porque me da na alma que os que escrivides estes artigos vivides nunha cidade e o unico que facedes por conservalos espacios e vir os fines de semana a degustar xamon e chorizos e tocar o carallo cando os que si vivimos aqui se nos presenta unha oportunidade para poder ter unha mellor calidade de vida, a traves dunha empresa que decide invertir algo en Triacastela, porque os camiños e os paisaxes verdes non os conservan nin os dirixentes da UE, nin os governantes, nin os turistas, nin os que veñen o fin de semana polos chourizos, senon que os conservamos os que estamos partindo o lombo aqui todolos dias. Non todos estamos en contra de que se construia este parque eólico ou calquera outra industria que lle de vida o noso concello.

Un de Triacastela

triacastelaviva disse...

Desgraciadamente estamos talvez demasiado informados:

http://www.mma.es/secciones/ayudas_subvenciones/life/

Sabemos que existen os fondos LIFE, a pesar dos políticos que tentan ocultar a sua existencia, pra que a xente non acceda a estes recursos e así poder usa-los eles da forma caciquil que todos sabemos.

Certamente temos CERO proxectos e CERO euros investidos no LIC Ancares-Courel, CERO euros para Triacastela, pero temos no ano 2007 a insignificante cantidade de 533.771 € pra Unións Agrarias (sindicato-chiringuito de certo partido) chupados pra unha campaña de propaganda chamada "Changin the change: The Galician agriculture and forest sector facing climate change" que teoricamente consiste en afirmar que a culpa do cambio climático é das vacas, que hai que reducir con campañas desas de abandono voluntario da explotación, e que o futuro consiste en encher os prados de placas solares. Estes cartos, sen contar outros tantos que aporta o Estado, estan sendo gastados en imprimir folletos, unha paxina web e o resto para organizar merendas e pinchos para os afiliados.

Para os habitantes da Rede Natura este medio millón de euros non lles proporcionou ningunha oportunidade de desenvolvimento económico nen lles mellorou en nada as suas condicións de vida, pero as contas bancarias de Unions Agrarias abofé que as desenvolveu!

Os outros dous únicos proxectos galegos, estes xa serios, foron para o Concello de Abegondo cun proxecto de protección e saneamento das augas do encoro de Cecebre e para a Universidade de Vigo con outro proxecto de reciclaxe dos resíduos sólidos da industria pesqueira.

Este artigo pretende INFORMAR das axudas e RECLAMAR eses cartos. Como ben dis en Triacastela falta o primeiro peso por cobrar, pero nós non temos culpa algunha, se tal esta será dos que durante eses 5 anos ocultaron e non informaron.

Tamén seria interesante reflexionar sobre que é mellor, defender un parque eólico que deixa 250.000 euros ou traballar seriamente por presentar un proxecto que de media ven deixando 1.300.000 euros, mais fondos estatais que os duplican, cartos exclusivos para a Rede Natura que tanta rabia vos dá.

Outro de Triacastela

triacastelaviva disse...

No dos chourizos e demais toleadas típicas de quen non ten argumentos, mellor nen entrar, nós aqui non estamos pra insultar, senón para luitar por un futuro mellor sen ter que emigrar a ningunha outra parte. Calidade de vida e aquí.

Respetamos completamente que tu estexas a favor do parque eólico, o que nos gostaría é que explicases como aumenta a tua calidade de vida e como lle dá vida ao noso concello.

Esperamos impacientes que o aclares.

Sentimos tocarche o carallo, pero que lle imos facer!
Resulta que a nós non nos gusta que un empresario catalán pirata nos veña dar polo cú...

Os investimentos que Triacastela necesita son outros.